Tuesday 30 de April de 2024

Clausurado o laboratorio de emprendemento solidario e social cunha mostra de experiencias no sector dos coidados


O concelleiro de Innovación, Formación e Emprego anunciou a intención do Concello de seguir apostando pola formación en atención sociosanitaria

Unha mostra de experiencias da economía social no sector dos coidados pechou o Laboratorio de emprendemento solidario e social impulsado pola Concellaría de Promoción e Económica e Reas Galicia coa finalidade de promover o emprendemento baixo os principios e o modelo da economía social e solidaria, tendo en conta a sustentabilidade ambiental, a defensa da equidade nas relacións económicas, a busca da cooperación, a ausencia de ánimo de lucro e o compromiso coa contorna.

Catro obradoiros e tres mostras de experiencias conformaron o programa de actividades que se veu desenvolvendo dende o mes de abril. Nesta última xornada participaron a directora do centro especial de emprego de Aspaber, Dolores Fernández, xunto con representantes da cooperativa de cohousing para maiores Ancoradoiro, que desenvolve a súa actividade na provincia de Pontevedra, e do Proxecto Colaxe, unha rede de cooperativas de Casas do Maior na Costa da Morte. Entre o público estivo o alumnado do obradoiro dual de emprego “Carballo Coida”, que se desenvolve no Fórum Carballo e que, precisamente, está centrado na formación de persoal de atención sociosanitaria en institucións sociais.

No acto de clausura tamén participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Innovación, Formación e Emprego, Iván Andrade, quen anunciou a intención do Concello de Carballo de seguir apostando pola formación en atención sociosanitaria a través dun novo obradoiro dual de emprego. O proxecto presentado para o seu financiamento por parte da Xunta de Galicia dá incluso un paso máis, xa que inclúe un apartado de hostalaría e restauración baseado en experiencias como Xantar na Casa.

Evencio Ferrero, pola súa banda, destacou a importancia de promover a economía social e solidaria de cara á creación de novas empresas. “Temos que mirar non só o éxito económico, senón tamén o éxito social dos proxectos que se van poñendo en marcha”, manifestou.